ViveCamino

18 albergues do Camiño do Norte únense á campaña 'Camiño da Reciclaxe'

En total 146 albergues galegos forman parte desta iniciativa que tenta converter o Camiño de Santiago en "emblema en Europa da reciclaxe"

'Camino del Reciclaje', unha campaña para difundir o respecto polo medio ambiente e fomentar a calidade ambiental no Camiño de Santiago, expándese engadindo ata 18 novos albergues do Camiño do Norte en Galicia. Estes aloxamentos únense aos 130 do Camiño Francés xa adheridos durante 2016 a esta iniciativa, que forma parte do Plan Estratéxico do Camiño de Santiago, grazas á colaboración da Xunta de Galicia e a organización sen ánimo de lucro Ecoembes.

O anuncio desta ampliación da campaña a novos albergues tivo lugar no albergue público de Baamonde, situado no Camiño do Norte, e a ela acudiron as directoras xerais de Turismo e de Calidade Ambiental de galicia, Nava Castro e Cruz Ferreira; o alcalde de Begonte, José Ulla e a directora de Comunicación Corporativa e Márketing  de Ecoembes, Neves Rey. Nava Castro animou aos peregrinos "para servir de exemplo" aos demais, "demostrando que é posible reducir o impacto nos bosques ou ríos con xestos sinxelos grazas para o efecto multiplicador" das peregrinacións.

A campaña 'Camino del Reciclaje' involucra tanto a peregrinos como a albergues públicos. No caso dos romeus, repárteselles kits (ata 29.000) con bolsas específicas para que depositen os seus residuos mentres camiñan e que logo poden entregar nos albergues á súa chegada para non prexudicar a contorna do Camiño de Santiago. Nos albergues públicos, á súa vez, instaláronse colectores azuis e amarelos para separar papel e envases de plástico.