ViveCamino

AGALBER denunciará aos "piratas" do Camiño de Santiago

A Asociación Galega de Albergues Privados denuncia competencia desleal por parte dalgúns albergues públicos

Os piratas comezan a ser un problema en todo o Camiño de Santiago, en lugar de selo só no Camiño Francés, onde ata o momento eran máis habituais os pisos sen autorización para aloxar peregrinos. AGALBER, a Asociación Galega de Albergues Privados, denunciou recentemente que este problema vai en aumento nos últimos anos, dando o salto a outros Camiños como o Portugués. AGALBER asegura que o apoio das autoridades non é suficiente, polo que decidiron denunciar todas as prácticas ilegais das que teñan constancia.

O que máis preocupa a esta asociación son os chamados pisos pirata, onde propietarios de pisos e casas alugan habitacións a prezos moi baixos aos peregrinos, especialmente en poboacións de certo tamaño como Santiago, Sarria ou Melide. Con todo, AGALBER non só centra as súas queixas nos propietarios piratas, pois a administración tampouco está axudando con algunhas decisións incomprensibles: "Non é de recibo que abran os polideportivos case a calquera hora e sen esperar a que o resto de aloxamentos estén completos", comenta Pedro Quintana, presidente de AGALBER.

Por outra banda, consideran que os albergues públicos, nalgúns casos, poden estar a realizar competencia desleal grazas ás vantaxes que achega a administración: "a administración permítelles aloxar a máis xente no mesmo espazo que a nós e tamén fai a vista gorda cando aceptan reservas".