ViveCamino

As mellores fotografías sobre a beleza de Santiago como destino final do Camiño teñen premio

O I Premio Eurostars Hotels de Fotografía en Santiago de Compostela tenta recompilar instantáneas inéditas da beleza da capital galega como destino final da ruta xacobea.

O Camiño de Santiago é un caldo de cultivo perfecto para os amantes da fotografía; sabemos que che apaixona esta afección tanto como a nós e sempre gozamos das instantáneas coas que nos regalades a vista na rede social de ViveCamino. Por iso e porque sempre queremos tervos informados de todo o relacionado co Camiño de Santiago avisámosvos de que os hoteis Eurostars convídanvos a participar no seu primeiro certame de fotografía en Santiago de Compostela, ben seais cidadáns da cidade ou non.

Baixo o lema “Santiago, la ciudad del peregrino”, a cadea de hoteis Eurostars está a buscar as instantáneas inéditas que mellor reflictan a beleza da cidade compostelá como destino final do Camiño de Santiago. Cada participante poderá presentar tres trípticos fotográficos ata o próximo 28 de outubro, e os premios constan dunha dotación económica de 1.500 euros para o gañador, ademais de 9 accésits cunha estancia gratuíta en hoteis da cadea. Así que xa sabes, se vives en Santiago ou tes pensado visitar a cidade estas semanas, non dubides en sacar a cámara; as túas instantáneas poden acabar decorando algún dos seus hoteis.