ViveCamino

Atopado morto en Roncesvalles un peregrino mentres percorría o Camiño de Santiago

O home de 50 anos atopábase desaparecido desde a noite do venres xunto a unha jóven de 26, que foi rescatada

Segundo informa a Policía foral de Navarra, un dos peregrinos desaparecidos desde o pasado venres nas inmediacións de Roncesvalles mentres facían o Camiño de Santiago, foi atopado sen vida este sabado pola tarde en "un lugar de difícil acceso". A desaparición do peregrino e dunha compañeira de 26 anos de orixe asiática fora notificada o venres pola noite aos servizos de emerxencias de Navarra, dándose luz verde a un operativo de procura de máis de 16 horas.

A peregrina foi atopada con vida ao redor das 14.30 polo equipo de bombeiros de Valcarlos, que a trasladaron ao hospital con síntomas de hipotermia severa, indicando esta que o seu compañeiro podería atoparse ferido. Finalmente ás 17.45 o peregrino duns 50 anos era atopado sen vida por cans do Equipo de Procura e Salvamento de Navarra preto de Roncesvalles, onde se desprazou a Policía Xudicial para autorizar o rescate do corpo, que tería lugar horas máis tarde.

O peregrino e a súa compañeira perdéronse nas inmediacións de Roncesvalles ao escoller unha senda errónea, polo que o home decidiría volver atrás para atopar o camiño, podendo haberse despeñado. Hai que lembrar que a entrada do Camiño de Santiago a Navarra é especialmente severa no inverno, motivo polo cal se restrinxiu cunha resolución de Interior o paso de peregrinos pola vía este de Lepoeder do 1 de novembro ao 31 de marzo de 2017, sendo obrigatorio tomar a vía oeste, que transcorre por Luzaide-Valcarlos e o porto de Ibañeta ata Roncesvalles.