ViveCamino

Fairway celebrarase en Santiago do 12 ao 14 de novembro

O Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia acollerá este espazo aberto para profesionais enfocado no fenómeno do Camiño de Santiago.

Dous anos despois da súa primeira edición, celebrada en 2015, xa coñecemos a data na que se celebrará Fairway, o II Forum do Camiño de Santiago. Será entre o domingo 12 e o martes 14 de novembro no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, que albergará un espazo centrado completamente en abordar o fenómeno do Camiño de Santiago. Fairway nace da iniciativa privada de varias empresas relacionadas co turismo, conta co patrocinio de Correos e a colaboración de Paradores. 

Este punto de encontro ao redor do Camiño de Santiago ofrece aos asistentes tres propostas diferenciadas; por unha banda, un congreso con relatorios e mesas redondas; en segundo lugar, unha feira profesional onde os expositores poidan mostrar os seus produtos e servizos ao público e por último un espazo de workshop no que os profesionais poderán reunirse e facer networking. Cabe mencionar que na primeira edición participaron no encontro ata 100 empresas, 50 relatores e outros 50 expositores relacionados co Camiño de Santiago; tamén se deron cita 25 turoperadores nacionais e internacionais relacionados coas rutas xacobeas.