ViveCamino

Hospitaleros voluntarios celebrará a súa reunión anual en decembro

Velan pola atención dos peregrinos do Camiño en albergues e refuxios desde hai máis de 25 anos a cambio da vontade

Baixo o lema "Hospitaleros voluntarios. Seguimos adiante", ata 180 membros da asociación de Hospitaleros volutarios celebrarán o seu encontro anual o próximo 8 de decembro en Valladolid. Chegados de ata 12 países distintos, como Estados Unidos, Brasil ou Alemaña, os voluntarios aloxaranse no Colexio Internado dos Irmáns da Sacra Familia da cidade castellanoleonesa aproveitando a ponte da Constitución e a Inmaculada. As xornadas de convivencia aproveitaranse para gozar, convivir e traballar xuntos, ademais de visitar a cidade de Valladolid, Tordesillas e o Arquivo Xeral de Simancas.

Hospitaleros volutarios, organización incluída na Federación de Asociacións do Camiño de Santiago, cumpre en 2016 26 anos de historia nos que os seus membros velaron pola atención e o benestar dos centos de miles de peregrinos que percorren o Camiño de Santiago. A súa máxima é dar "hospitalidade" aos peregrinos e que o seu recordo do Camiño sexa o mellor posible e exclusivamente desempeñan o seu labor en albergues onde a contibución económica non sexa obrigatoria. Desempeñan o seu traballo en albergues e refuxios da Ruta Xacobea tan só a cambio da vontade de cada un dos peregrinos e polo momento contan nas súas filas con 5.000 voluntarios, que ademais tamén son peregrinos.