ViveCamino

O Camiño de Inverno, nova ruta de peregrinación oficial

Este martes entra en vigor a Lei de patrimonio cultural de Galicia, polo que se equipara oficialmente o Camiño de Inverno coas demas rutas xacobeas

Onte concluíu a exposición pública da nova Lei de patrimonio cultural de Galicia, polo que este mércores 17 de agosto entra en vigor para todos os efectos. Isto significa a esperada oficialidade do Camiño de Inverno, que se equipara ás demais rutas xacobeas; unha noticia moi importante para o patrimonio cultural galego tendo en conta que é a única vía que transcorre polas catro provincias da comunidade autónoma. En palabras da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a entrada en vigor permitirá o mantemento dos valores esenciais do Camiño de Santiago.

A lei foi aprobada o pasado mes de abril pola Comisión de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia, supoñendo o paso definitivo para o recoñecemento da importancia desta ruta histórica, ademais de achandar o seu posible recoñecemento como Ben de Interese Cultural, como así reclaman desde hai tempo en comarcas como Lemos, Valdeorras e o Bierzo, por onde transcorre a vía.

O Camiño de Inverno é unha alternativa histórica de máis de 200 quilómetros ao transitado Camiño Francés, tomada polos peregrinos sobre todo no inverno para evitar a neve en Cebreiro. Parte de Ponferrada (León) para seguir o curso natural do río Sil, atravesando municipios como Puente de Domingo Flórez, Monforte de Lemos, para despois seguir pola comarca de Deza, continuando pola comarca de Tabeirós - Terra de Montes e finalmente chegando a Compostela.