ViveCamino

Sorprendidos 37 peregrinos circulando en bicicleta por unha autoestrada en Pontevedra

Os ciclistas, que foron interceptados axentes da Garda Civil, eran de orixe polaca e tiñan a meta de chegar a Santiago

Cara de incredulidade é a que se lle ten que quedar aos axentes de tráfico da Garda Civil que se atoparon este pasado domingo cun pelotón de ata 37 ciclistas polacos en peregrinaxe a Santiago pola AP-9. Para interceptalos enviáronse tres patrullas, que os localizaron á altura de Pontevedra, accedendo á autoestrada desde a N-550 pola que chegaran a Galicia desde Portugal días antes, sendo a súa intención chegar ata Santiago de Compostela esa mesma xornada.

O grupo de ciclistas polaco, que viaxaba co apoio dun coche de aluguer, decidiu tomar a autoestrada AP-9 na mesma cidade de Pontevedra e xa percorreran 6 quilómetros cando foron localizados polos axentes. Coa axuda da compañía que xestiona a autoestrada fíxoselles cambiar de sentido para poder saír dela canto antes, xa que o grupo de ciclistas supoñía un grave risco para a circulación neste tipo de vías. O grupo foi escoltado novamente ata a estrada nacional para proseguir a súa peregrinación a Santiago.

Doutra banda, o responsable da organización da peregrinación foi multado polas axentes por unha infracción moi grave tendo que abonar 500 euros, xa que a circulación de bicicletas en autoestradas está totalmente prohibida no código de circulación (tense que limitar ao ámbito das estradas xerais).