Ferrol

Localidad

1 reviews
20
15
16

What to see in Ferrol

Ferrol ©Panoramio Luisa Díaz

Ferrol ©Panoramio Luisa Díaz

O vínculo entre Ferrol e o mar está presente en moitos dos atractivos da cidade. As súas orixes están ancorados na zona portuaria, onde arrinca o Camiño. Seguindo este percorrido, o barrio de Ferrol Vello, contiguo á rada e porta do Camiño Inglés, loce na fachada marítima a igrexa de Nosa Señora do Socorro, un pequeno templo neoclásico datado do ano 1767 que contén no seu interior dúas tallas de gran devoción na cidade: o Cristo dos Navegantes e a Virxe do Socorro.

Preside tamén a vista do porto o baluarte de San Xoán, un dos restos máis importantes da muralla da cidade do XVIII. Á beira oposta atópase a Sala de Armas do Arsenal Militar, un dos edificios máis emblemáticos da urbe e ao que se pode acceder nas visitas guiadas na Ruta da Construción Naval.

O seguinte templo que se topa o trasfegante é o de San Francisco. A construción, ou polo menos a reedificación da igrexa, outrora convento franciscano, atribúeselle a Fernán Peres de Andrade o Boo no século XIV, aínda que segundo o historiador ferrolán Montero e Aróstegui habería que remontar as orixes da antiga edificación á época na que o mesmo san Francisco peregrinou a Compostela. Así o recolle o Boletín da Real Academia Galega, que indica que, cando os franceses invadiron Ferrol, respectaron o convento tal e como se especificou na capitulación da cidade.

En 1757 a igrexa medieval foi substituída por un templo ilustrado, con planta de cruz latina inscrita nun rectángulo e tres naves separadas por piares. O seu retablo maior loce imaxes da Inmaculada, san Francisco e santo Domingo realizadas en 1790 polo gran escultor José Ferreiro e por Juan Antonio de Estivada. Non menos emblemática é a fonte que se atopa fronte a San Francisco: a fonte de San Roque. Mostra o antigo escudo da cidade, no que aparece unha torre cun farol, o que explicaría a etimoloxía, incorrecta pero moi estendida popularmente, de que o topónimo Ferrol deriva de farol.

Ferrol é ben coñecida pola disposición das súas rúas en cuadrícula. Cara a elas conduce a senda, ao chegar ao barrio da Magdalena, exemplo do urbanismo racional da Ilustración, coa súa disposición matemática, de libra de chocolate, isto é, o trazado de taboleiro, característico polas súas rúas rectilíneas cruzadas en ángulo recto. Destacan as súas casas de galerías e as edificacións de estilo modernista do arquitecto municipal Rodolfo Ucha. 

O barrio foi declarado conxunto histórico-artístico en 1983. Nesa mesma zona atópanse o teatro Jofre, inaugurado en 1892, e a porta do Dique, símbolo da capital departamental e portada solemne do século XVIII, obra do enxeñeiro militar Julián Sánchez Bort, tamén encargado do trazado da principal igrexa do municipio: a neoclásica concatedral de San Julián (San Xiao), patrón da cidade, á que as súas dúas torres de cantería proporcionan un perfil esvelto. Inmerso aínda na Magdalena, o visitante pode contemplar un dos edificios máis significativos para a peregrinación, o Hospital de Caridade, actualmente Centro Cultural Torrente Ballester, que foi levantado en 1780 para prestar servizo a enfermos, pobres e peregrinos.

Visitas guiadas As visitas ao Arsenal Militar e á fortaleza de San Felipe, esta última na bocana da ría, son os itinerarios estrela que oferta a área de Turismo. A eles súmanse as viaxes en barco pola ría, cunha alocución detallada a bordo sobre os estaleiros, as infraestruturas militares e a historia da cidade.

Están dispoñibles, habitualmente, en días festivos e tempada alta (Semana Santa e verán), aínda que é necesario consultar na oficina de Turismo a configuración dos horarios e reservas. De gran interese son tamén as mostras permanentes de Exponav (Exposición Nacional da Construción Naval) e o Museo Naval, no edificio de Herrerías (Irmandiños, s/n), un paseo pola historia da construción naval e o devir dos útiles náuticos.

O recinto foi exilio durante case unha década da estatua ecuestre do ditador Franco, desde que se retirou da praza de España no 2002 ata o definitivo confinamento da efixie nunha nave da Armada.

Festas

O patrón da cidade é o 7 de xaneiro, día de San Xiao. O outro festivo local é o luns de Pascua, coincidindo coa romaría ao santuario da Virxe de Chamorro, ou Virxe do Nordés, á que se lle profesa auténtica devoción no municipio. Pero se hai unha data sinalada no calendario ferrolán esa é a Semana Santa. Declarada de interese turístico nacional -e que persegue a distinción Internacional-, a Paixón concentra oito días de procesións e actos litúrxicos rodeados de espectáculos e tradición.

O Venres Santo, día grande, sae en procesión o Santo Encontro e esa mesma noite celébrase a máis silenciosa, a dos Caladiños. En datas estivais, a cidade acolle a tradicional Feira de Mostras, que xa cumpriu os 50 anos. Celébrase a primeira quincena de xullo no recinto de Punta Arnela. E en agosto, as apertadas rúas do barrio de Ferrol Vello recrean o medievo cunha feira de artesanía, gastronomía e espectáculos ambientados na época.

Praia de Doniños, paraíso de surfeiros Namentres, os areais ferroláns son un excelente reclamo estival para perderse pola costa. Cariño, San Xurxo, Covas ou Doniños son algúns dos máis populares, aínda que o litoral sempre sorprende con algunha que outra cala recóndita na que apurar ata o último raio de sol.

Así mesmo, na última semana de agosto concéntranse as festas de verán, ás que se lles pon broche cos lumes de San Ramón, un espectáculo pirotécnico que ilumina na noite a enseada da Malata e o porto de Ferrol. Representación da batalla de Brión en San Felipe E non se pode esquecer a recreación da batalla de Brión o domingo máis próximo ao 25 de agosto.

Trátase dunha recreación popular da contenda que libraron os ferroláns no ano 1800 para frear a invasión inglesa que avanzaba perigosamente cara á cidade, unha vitoria local que favorecía os intereses de Napoleón, quen brindou en París coa soada "polos valentes ferroláns".

Points of interest of Ferrol (3)

The weather in Ferrol

27/04/2024

moi nubrado

Location
Mapa de establecimientos en la localidad
Services
  • Police981 314 403 - 981 314 524
  • Local Police981 944 092
  • Protección Civil981 320 000
La Voz de Galicia La Voz de Asturias

Points of interest

Cities & Towns | Hostels | Lodgings | Restaurants | Saddlery | Doctors | Points of interest | Bikes workshop

Contact us | Privacy policy | Cookies policy | | Terms of use | Authorship | Web Map | Consentimiento

© Copyright LA VOZ DE GALICIA S.A. Polígono de Sabón, Arteixo, A CORUÑA (ESPAÑA) Inscrita en el Registro Mercantil de A Coruña en el Tomo 2438 del Archivo, Sección General, a los folios 91 y siguientes, hoja C-2141. CIF: A-15000649

Developed and managed by Hyliacom