Triacastela-Sarria (por Samos)

4 valoracións
21
31
18
Información
Desde la ruta francesa se tiene una de las mejores vistas del monasterio de Samos

Desde la ruta francesa se tiene una de las mejores vistas del monasterio de Samos

A pesar de que esta variante que alcanza Sarria por Samos sempre foi secundaria e conta con certos aspectos negativos, como dous grandes tramos que circulan polo asfalto, ao seu favor ten varios argumentos paisaxísticos de peso, máis aló do disfrute do mosteiro de Samos, o principal reclamo da xornada.

O itinerario, tras partir de Triacastela, prosegue pola beira do río Oribio e introduce ao camiñante en frondosos bosques de ribeira, con carballos e castaños. Ademais, achégase a belas aldeas inmersas na natureza, como San Cristovo ou Renche, exemplos vivos da arquitectura popular da zona.

Por esta alternativa o peregrino non achará no seu avance os miliarios que descontan a distancia ata Santiago e que se reservan para a ruta por San Xil, aínda que si poderá seguir as características frechas amarelas que marcan a ruta. O peregrino tampouco atopará moitas fontes nin establecementos nos que poder avituallarse. Por iso, recoméndase, sobre todo se o Camiño se realiza en tempada baixa, facer unha parada en Samos, onde si hai todo tipo de servizos.

A etapa (21,3 quilómetros)

A xornada arrinca para os romeus ao pé do albergue municipal situado á entrada de Triacastela (134 quilómetros a Santiago). Tras cruzar o núcleo e chegar á praza da Deputación, onde ten a súa sede o Concello, o peregrino deberá deixar a Casa Consistorial ás súas costas para iniciar cara á esquerda, pola LU-633, o percorrido cara a Samos. Este primeiro itinerario cara ao sur leva certo perigo, xa que é a propia estrada, sen beiravías nin beirarrúas, o Camiño. A pesar de que o sinal amarelo está indicado na marxe dereita, case é preferible continuar pola esquerda, ao haber nalgúns tramos un carreiro paralelo ao asfalto que pode servir de axuda aos camiñantes, sobre todo a aqueles que peregrinen con nenos.

Percorridos xa tres quilómetros da etapa, chégase a unha indicación que conduce a unha das dúas casas de turismo rural da xornada, Casa Arza, para a que haberá que desviarse. O itinerario, con todo, segue de fronte e, pouco despois, xa na contorna de San Cristovo, aparece o segundo sinal oficial da vía milenaria. Hai que tomar entón un desvío sinalizado á dereita, o cal, sobre un firme de asfalto e grava solta e cunha pendente do 25 % que se suaviza ao final, chega á entrada desta idílica aldea bañada e dividida polo río na que se localiza unha igrexa cun destacado retablo barroco do século XVII.

San Cristovo do Real

San Cristovo do Real

San Cristovo do Real (17,6 quilómetros a Sarria), enclave no que se esconden diversas mostras do románico rural, invita á relaxación do camiñante cunha fermosa ponte, un lavadoiro e un ambiente no que non parece pasar o tempo. Sitúase, ademais, aquí un dos poucos bares desta primeira parte da xornada (Café Bar San Cristóbal) que non conta, con todo, con ningún servizo de comidas. Este establecemento abre sobre as 10.30 horas. O itinerario deixa o cemiterio local a man esquerda e progresa a partir dun camiño á dereita polo val do Oribio, onde o camiñante avanzará entre frondosos castiñeiros, chopos e álamos, no que é un dos tramos máis agradables da xornada.

Pouco despois de abandonar o núcleo de San Cristovo xa se localiza, nun cruzamento de camiños que se deberá tomar á esquerda, o albergue da Casa Forte de Lusío. Este establecemento, situado a 400 metros da ruta xacobea, ocupa unha antiga e nobre mansión solariega, fundada en 1551. O máis significativo do lugar é que foi aquí onde naceu en 1804 Vicente María Vázquez Queipo, un brillante matemático que inventou a táboa de logaritmos. Os propietarios do inmoble son os monxes benedictinos de Samos, quen o cederon á Xunta para destinalo a albergue. Nun principio tamén se pensou en habilitar nel un museo dedicado a coñecer a vida e obra do matemático (que ademais tamén foi físico, xurista e subsecretario de Gobernación) aínda que, polo momento, este proxecto está parado.

Os muíños de Renche

Tras pasar o cruzamento que conduce ao albergue, a ruta continúa por un camiño de terra polo que, en ocasións, débense salvar surcos e fochancas e que acompaña ao río pola súa dereita. Crúzase de novo unha ponte e abórdanse suaves costas de subida e baixada. Chégase así, e xa por asfalto, a Renche (15,96 quilómetros a Sarria), outro dos enclaves destacados da xornada. Os seus antigos e coñecidos muíños merecen ser contemplados con calma. O Camiño bordea a igrexa parroquial e o cemiterio adxunto e, acto seguido, sobe por unha rampla ata a LU-633, estrada que abandonará 50 metros despois, tras deixar atrás unha mesa e algúns bancos de descanso. Desvíase entón á dereita por unha pista cunha pendente do 21%.

O obxectivo inmediato é Lastres (15,59 quilómetros a Sarria), un pequeno enclave sen servizos ao que se accederá tras cruzar novas pontes e afrontar outra importante subida. A partir deste punto, e nun continuo tobogán, o itinerario soporta varios cambios de pavimento: pasa de terra compacta con pedras soltas -o que dificulta manter o ritmo- a aglomerado de grava e terra. De novo en ascenso, o camiñante accede a Freituxe (14,29 quilómetros ata Sarria), localidade cunha pequena capela e un merendeiro, mentres que, pouco despois, e tras afrontar un descenso pronunciado en mal estado con pedras soltas de gran tamaño e sucesivos sucos e un novo paso sobre o río, alcanza a bela localidade de San Martiño (13,1 quilómetros ata Sarria). Neste núcleo destaca un templo románico rural de finais do século XII construído con cachotaría de lousa. Tras unha nova costa o camiño pasa por un túnel que salva a LU-633 para virar á esquerda e cruzar, un pouco despois e sen paso de peóns, outra estrada.

A travesía prosegue entón xunto a un muro de pedra, nun tramo de firme irregular que aos poucos descende ata Samos (11,28 ata Sarria). Nunha curva poderase tomar a mellor instantánea da súa abadía benedictina. A baixada, que chega a ser do 20 %, non se suaviza ata chegar ás primeiras casas do enclave que xa ofrece aos camiñantes diversos servizos. Un ultramarinos, un taller mecánico e un bar ábrense paso sobre un terreo de laxas de pedra. O ciprés milenario Á dereita levántase maxestoso o coñecido mosteiro ao que os camiñantes poderán acceder por calquera das marxes do inmediato río Oribio.

Tras visitar a abadía samonense (haberá que fixarse previamente nos horarios de apertura para tratar de adecuar a chegada ao enclave), recoméndase aos peregrinos avanzar 100 metros cara atrás para non perderse a capela do Salvador, de estilo mozárabe e levantada a finais do século IX, e o ciprés milenario que case ten encostado. Esta árbore encádrase entre as 50 máis notables de España.

Despois deste alto os camiñantes deberán retroceder e cruzar o pobo pola súa avenida principal. A vía adianta un belo palco de música e unha fonte de 1936 para enlazar de novo á saída de Samos coa LU-633, estrada que se recomenda tomar polo lado esquerdo. Os peregrinos poderán así pasar xunto a un monumento levantado na súa honra e, sobre todo, descansar nalgunha das áreas recreativas que balizan este espazo. Na de Teiguín (9,52 quilómetros a Sarria), por exemplo, os romeus acharán, xunto a pontes e pasarelas, unhas mesas onde comer ao aire libre e un espazo de xogos infantís para os máis pequenos.

Ás portas de Sarria Despois de 2 quilómetros de percorrido en paralelo á LU-633, a ruta abandona por fin en Teiguín, onde se sitúa unha bonita capela restaurada, esta estrada. Cruza o firme sen paso de peóns e toma un desvío á dereita que conduce a través dunha curta e dura subida ata o pobo de Pascais. Descéndese chegado ese punto por un camiño de pedras, atravesado por un arroio, ata alcanzar a igrexa de Santa Uxía de Pascais e a súa casa reitoral.

A xornada afronta outro dos seus tramos máis fermosos ao achegar de novo aos camiñantes ao río. A través de sucesivas subidas e baixadas que alternan tanto tramos por pistas como por asfalto ou formigón, os peregrinos atravesan pequenos enclaves como Gorolfe -onde poderán descansar nunha casa rural apartada 300 metros do itinerario (Casa de Díaz)- mentres se achegan a unha paraxe de ribeira que discorre case sempre pola marxe dereita do río. Haberá que ter coidado coa sinalización, xa que tanto na costa onde se aborda o río Sarria e o itinerario se desvía á dereita) como pouco antes de Veiga de Reiriz, onde a frecha está debuxada sobre un muro, poderíase dubidar por onde seguir.

Veiga de Reiriz

Veiga de Reiriz

Nesta aldea (Veiga de Reiriz) os romeus acharán nunha casa unha máquina de bebidas, un bo refresco antes de afrontar a última parte da etapa. Restan dúas subidas para chegar á aldea de Perros e dar a benvida ao concello de Sarria. Nun último esforzo os peregrinos deberán salvar a LU-5602 por unha ponte e alcanzar Aguiada (4,7 quilómetros ata Sarria), núcleo onde este itinerario se fusiona co itinerario proveniente de San Xil. O camiñante prosegue entón por un carreiro paralelo á estrada ata chegar ao albergue Paloma y Leña, que goza dunha gran zona verde. Un cartel á entrada informa aos romeus de que todos aqueles que desexen parar serán convidados a un té de cortesía.

Nunha recta final que avanza con celeridade sobre un lixeiro terreo rompepernas, os romeus acceden primeiro a Vigo de Sarria, aldea fagocitada pola capital durante o bum do ladrillo e que na actualidade converteuse nunha especie de barrio, para acceder pouco despois, e tras un laberíntico percorrido urbano, á propia Sarria.

En bici

Tras unha partida de Triacastela moi sinxela para os rodadores pola LU-633 -estrada pola que, de todos os xeitos, se debe circular con coidado durante estes primeiros quilómetros-, os ciclistas afrontarán algúns tramos complicados, sobre todo, nas chegadas ás localidades de Lastres e San Martiño, polas sucesivas fochancas e pedras soltas. Os desniveis nestes trazados son tamén considerables.

Ao partir de Samos moitos bicigrinos continúan por asfalto ata Sarria pola estrada xa mencionada no canto de afrontar a subida a Pascais. Para quen opten por esta opción, hai un alto recomendado a 300 metros do desvío. Trátase do Mesón A Pontenova, unha parada clásica que ofrece aos visitantes as anguías típicas do lugar.

Ruta relacionada
Localización
Mapa de la etapa
Localidades relacionadas
Perfil etapa
La Voz de Galicia La Voz de Asturias

Puntos de interese

Localidades | Albergues | Aloxamentos | Restaurantes | Guarnicionerías | Médicos | Puntos de interese | Talleres de bicicletas

Contactar | Politica de privacidade | Política de Cookies | | Aviso Legal | Autoría | Mapa Web | Consentimiento

© Copyright LA VOZ DE GALICIA S.A. Polígono de Sabón, Arteixo, A Coruña (ESPAÑA) Inscrita no Rexistro Mercantil da Coruña no Tomo 2438 do Arquivo, Sección Xeral, aos folios 91 e seguintes, folla C-2141. CIF: A-15000649

Desenvolto e administrado por Hyliacom