O Camiño de Santiago máis antigo é hoxe unha ruta de gran beleza e exixente trazado, non masificada, que segue as pegadas do primeiro peregrino.
No centro histórico de Santiago -moi preto da facultade universitaria de Historia e da Praza de Abastos- hai unha imponente estatua dun rei medieval. Chamábase Alfonso II, alcumábanlle o Casto, e reinou a comezos do século IX sobre boa parte do territorio que hoxe conforman as comunidades autónomas de Galicia, Asturias e León: a antiga Gallaecia
.Monarca fundamental para o desenvolvemento de Compostela e do hoxe mundialmente recoñecido fenómeno xacobeo, considéraselle o primeiro peregrino. Cando no 813 prodúcese o suposto achado do sepulcro do apóstolo Santiago, o bispo da veciña localidade de Iria Flavia viaxa a Oviedo. Informa ao rei do descubrimento. E este non deixou pasar a oportunidade de rearmar moral e ideoloxicamente á parte cristiá da antiga Hispania romana, confinada no norte da península ante o aplastante dominio musulmán.
Alfonso II púxose en marcha. Cruzou a montaña que separa Asturias de Galicia ao norte dos Ancares, pasou pola xa entón amurallada Lugo e seguiu camiño cara ao oeste ata o lugar onde segundo a lenda o ermitaño Paio viu os sinais celestes que permitiron atopar o sepulcro do apóstolo. O rei ordenou construír unha igrexa nun lugar ao que no ano 2012 peregrinaron máis de duascentas mil persoas. Varios miles fixérono seguindo as pegadas de Alfonso. Percorreron o máis antigo de todos os Camiños a Santiago: o Primitivo.
Tamén chamado Camiño de Ovedo ou Camiño do Norte-Interior, o Primitivo foi o máis importante nos primeiros anos do culto xacobeo. E tamén recibiu o apelativo de «francés». Pero perdeu a súa privanza por razóns políticas ligadas a ese fenómeno histórico chamado reconquista. A finais do século X o centro de poder da monarquía galaico-asturiana desprazouse ao sur, a León. Con el fóronse a maioría dos peregrinos. Pero o Primitivo perviviu.
No seu percorrido aínda poden visitarse as ruínas do último hospital de peregrinos, o de Montouto, na Fonsagrada, que funcionou ata ben entrado o século XX. Despois caeu no esquecemento. E sumouse bastante tarde ao rexurdimento do fenómeno xacobeo producido tralo ano santo de 1993. No ano 2004, que tamén foi santo, e apoiado turisticamente pola Xunta cun Xacobeo, percorreron o Primitivo 4.876 peregrinos. Polo Francés fixérono 138.646. No 2010 -tamén ano santo- optaron por esta ruta maioritaria 189.212 persoas (o 69,53% de todos os que chegaron a Santiago); só 7.661 (o 2,82%) optaron por seguir os pasos do rei Alfonso.
¿Que se atoparon eles e os 6.349 que transitaron por ela no 2012? Pois un Camiño non moi coñecido, pero fascinante, e moi esixente cos peregrinos. Un percorrido esixente sobre paisaxes de gran beleza O Primitivo atravesa zonas de montaña moi despoboadas, sen apenas servizos (aloxamento, restauración, mediciñas, etcétera), do interior menos coñecido de Galicia e Asturias. A cambio os peregrinos gozan de paraxes e paisaxes de gran beleza, sen aglomeracións nin carreiras; visitan tres cidades monumentais que merecen unha visita prolongada (Oviedo, Lugo e a propia Compostela); e pisan relativamente pouco asfalto nesta ruta recomendada sobre todo para camiñantes, algo inhóspita polo clima cando neva -afecta a boa parte do percorrido- ou cando chove, pero habitada por xente hospitalaria e que, tras anos con problemas en certas etapas, agora conta cunha rede suficiente de albergues públicos e privados en Galicia.
Talvez sexa a máis atractiva de todas as rutas xacobeas. Por esplendor paisaxístico. Por riqueza etnográfica. Por Historia (e os seus vestixios). E porque o peregrino pode camiñar con tranquilidade. O percorrido polo Primitivo é bonito, pero duro. O obstáculo máis importante é unha subida durísima antes de Grandas de Salime, o temible porto do Pau, e de moitos quilómetros de subidas e baixadas continuas a un e outro lado do porto do Acebo. É o que en argot ciclista se chama un terreo rompepernas. A tarefa de peregrinar por esta ruta complícase se chove. E adoita chover. Hai tramos que poden converterse en auténticas lameiras. ¿E se neva? Neva. Polo menos no inverno. E de forma extraordinaria noutras estacións (Fíxoo na Fonsagrada a finais de maio do 2012, quedan avisados).
Son os únicos momentos no que queda oculta a exuberante natureza que envolve a un Primitivo ao que non lle falta cor verde. E que tampouco é o mellor Camiño para facer en bicicleta: por trazado, desniveis, tipo de firme predominante e falta de servizos especializados.
Un asunto pendente: a sinalización Galicia e Asturias comparten moitas cousas: clima, historia, o gusto pola boa gastronomía, paisaxes impresionantes, unha orografía complicada, a despoboación das comarcas do interior... Pero non os sinais. Calquera peregrino que faga o Primitivo desde Asturias verá que nos indicadores do Camiño é a parte redonda da vieira a que marca a dirección. Iso cambia ao chegar a Galicia. Desde O Acebo é ao revés. Son as raias as que indican o bo camiño por unha ruta que aspira a converterse en patrimonio da Humanidade nos próximos anos. E que ten o seu trazado delimitado nesta comunidade desde decembro do 2012.
Convén facer unha precisión sobre esta delimitación. Houbo propostas de colectivos e estudosos vinculados ao Primitivo en favor de alternativas diferentes ás elixidas por Patrimonio. Pero máis aló da polémica, a delimitación serve para protexer o Camiño. E hai moito que facer nese ámbito. Para empezar, sinalizar o novo trazado, que varía substancialmente en certos tramos. Aínda en xullo de 2012, os peregrinos que sigan as indicacións oficiais -os mollóns- transitarán polo anterior. Para completar, talvez colocar algún albergue máis no tramo máis montañoso, entre A Fonsagrada e O Cádavo, para dar máis alternativas aos peregrinos.
O Primitivo, unha das rutas máis emblemáticas do Camino Santiago, nace aos pés da catedral de Oviedo. Desde alí percorre a metade occidental do Principado de Asturias polo interior. Pasa por Grado, Salas, Tineo, Borres, Pola de Allande, a Mesa e Grandas de Salime. E entra en Galicia polo alto do Acebo (1.130 metros de altura), a 13 quilómetros da Fonsagrada, a primeira localidade de referencia deste Camiño na comunidade autónoma galega, e a uns 170 da meta final: Santiago. Toda a ruta pode facerse en 13 ou 14 etapas. E a parte galega, en 7.
Na Fonsagrada o Camiño ten dúas variantes. Unha pasa pola capital municipal -un oasis de servizos tralo tramo de montaña asturiana- e a outra visita a histórica, decrépita e moi interesante Pobra do Burón. Ambas conflúen no mencionado Hospital de Montouto antes de atravesar os concellos de Baleira e Castroverde para chegar a Lugo e a súa gran oferta culinaria.
O peregrino cruza a muralla romana desta cidade situada a 100 quilómetros de Santiago (o mínimo para conseguir a Compostela, o popular certificado de peregrinación) antes de seguir rumbo oeste por unha estrada que percorre un puñado de aldeas sen apenas servizos dos concellos de Guntín, Friol, Palas de Rei e Toques (atravesa a suave Serra do Careón). Logo entronca en Melide co Francés. Alí o Primitivo perde a súa esencia. E a tranquilidade que o acompañaron nos últimos anos. Pero sufrir a masificación é o prezo a pagar por achegarse a Santiago, o destino final (¿Ou non? Moitos seguen ruta desde Compostela ata Fisterra, lendario fin do mundo occidental) dunha peregrinaxe milenaria.
Para vivir o camiño debes estar rexistrado e/ou logueado. Dá o primeiro paso e empeza a túa historia!
Localidades | Albergues | Aloxamentos | Restaurantes | Guarnicionerías | Médicos | Puntos de interese | Talleres de bicicletas
Contactar | Politica de privacidade | Política de Cookies | | Aviso Legal | Autoría | Mapa Web
© Copyright LA VOZ DE GALICIA S.A. Polígono de Sabón, Arteixo, A Coruña (ESPAÑA) Inscrita no Rexistro Mercantil da Coruña no Tomo 2438 do Arquivo, Sección Xeral, aos folios 91 e seguintes, folla C-2141. CIF: A-15000649