O Cebreiro-Triacastela

1 valoracións
40
60
40
Información
Monumento al Peregrino en el alto de San Roque / Fotografía de Óscar Cela

Monumento al Peregrino en el alto de San Roque / Fotografía de Óscar Cela

Monumento ao Peregrino no alto de San Roque / Fotografía de Óscar Cela Tras a etapa raíña do día anterior, os camiñantes afrontarán un día máis livián, no que as aínda duras subidas ao alto de San Roque -onde se sitúa a emblemática figura do peregrino en loita contra o vento- e, sobre todo, ao Poio, teito do itinerario galego cos seus 1.335 metros, vense compensadas co posterior descenso a Triacastela, de gran beleza y e un dos máis citados pola comunidade de peregrinos de Vivecamino.com.

Ao longo de toda a xornada os camiñantes alternarán belas panorámicas das serras dos Ancares e O Courel e, xa na baixada, do monte Oribio, nun itinerario zigzagueante que permitirá atravesar belos enclaves rurais, recunchos sorprendentes e admirar un castiñeiro centenario. En xeral, o percorrido evita o asfalto aínda que continúa en moitos tramos paralelo a el, o que permite a todos aqueles a quen lles fraqueen as forzas ou a quen prefiran evitar o xeo e a neve continuar por estrada. Os romeus non acharán problemas en avituallarse, xa que diversos enclaves rurais e mesóns balizan a ruta.

A etapa (21,7 quilómetros)

O itinerario xacobeo parte nesta xornada desde a vía de chan irregular e suave pendente que atravesa O Cebreiro (155,5 quilómetros ata Santiago) e que conduce ao camiñante ata a porta do albergue público, onde o pavimento cambia a formigón. Tras pasar polo edificio da Xunta, a senda enfila un camiño de terra compacta, e con algunha grava solta, que ascende polo monte Pozo de Area ata gañar case 100 metros de desnivel e chegar aos 1.332 metros. Desde o alto, e cara ao norte, é posible admirar a riqueza forestal, paisaxística e cromática do val do Navia e dos picos de Ancares, así como, cara ao sur, da serra do Courel.

O carreiro descende, a continuación, por unha pista forestal, e xunto a unha liña de alta tensión, ata Liñares. De todos os xeitos, para aqueles aos que o ascenso ata O Cebreiro sexa suficiente, ou cando nas xornadas invernais se forme moito xeo, unha boa alternativa é continuar durante tres quilómetros desde o centro do pobo e pola LU-633 ata o mesmo Liñares. Esta estrada tomarase a partir dun desvío á dereita situado xusto antes da pequena subida que conduce ao albergue público.

San Estevo de Liñares

San Estevo de Liñares

En San Estevo de Liñares (18,7 quilómetros a Triacastela), poboación á que o Códice Calixtino se refire como Linar de Rege (Linar de Reis) e cuxo topónimo procede das antigas plantacións de liño existentes na localidade, os camiñantes atoparán algún servizo, como unha fonte, unha tenda ou un bar. Ademais, aqueles que prefiran evitar as aglomeracións do Cebreiro acharán neste enclave o establecemento de turismo rural Casa Jaime, con catro cuartos.

Unha vez no núcleo, cóllese a ruta sinalizada que sobe por entre as casas ata a igrexa prerrománica dedicada a santo Estevo (século VIII), de feitura semellante á de Santa María do Cebreiro. Cunha soa nave de planta rectangular e torre cadrada, no seu interior destaca un retablo barroco. Posteriormente, e despois de cruzar a LU-633, o itinerario continúa por un carreiro de pedras indicado cara á esquerda e que comeza a ascender sobre Os Ancares. Un tobogán de subidas e baixadas, que avanza entre bidueiros, eleva a continuación aos romeus ao primeiro alto da xornada, o de San Roque, situado a 1.270 metros de altitude e coroado pola inmortalizada estatua en bronce dun peregrino loitando contra o vento modelada polo escultor José María Acuña en 1993, coa que se quixo homenaxear a todos os camiñantes que superaron estes portos. A figura, en pleno esforzo, apóiase no seu bordón e suxeita, coa man esquerda, o seu chapeu, algo que demostra de forma gráfica as dificultades que tiñan e aínda teñen que vencer os romeus.

Hospital da Condesa

Tras esta costa, a travesía segue o seu avance de forma paralela á LU-633 e tras descender ata os 1.205 metros de altitude con pendentes que varían desde o 7 ao 17 %, accédese, xa por asfalto e por esta estrada, ao seguinte núcleo, Hospital da Condesa (16 quilómetros ata Triacastela). O propio nome do enclave, onde se sitúa un albergue público, fai alusión ao seu pasado xacobeo. De feito, é este lugar o que acolleu o hospital para peregrinos máis coñecido da zona. Construído xunto ao santuario de Santa María a Real, nel dábase acubillo aos maltreitos camiñantes que accedían a Galicia. Todo apunta a que foi fundado pola condesa Egilo, esposa do conde Gatón, no século IX.

Na localidade, e xunto ao albergue, os romeus tamén acharán o mesón O Tear, onde poden almorzar desde as 6.00 horas e comer menú de peregrino. Este establecemento, que conserva un antigo tear no comedor, tamén ofrece dous cuartos. No apartado monumental, o núcleo conserva a igrexa do hospital en honra a san Xoán, a cal, do mesmo xeito que outras da zona, ten un austero estilo románico con muros de cachotaría e unha torre á que se accede por unha escaleira exterior. A ruta avanza sobre un tramo de calzada de pedra e, á saída do pobo, renova o seu camiñar pola beiravía da LU-633. Continúa así ata un desvío, que se deberá coller cara á dereita.

Nas épocas de maior afluencia de peregrinos, e ante a escaseza de camas, unha alternativa para quen desexe descansar chegado este punto é seguir por este itinerario cara a Sabugos, onde se sitúa o establecemento de turismo rural Casa de Rodríguez. Pero o Camiño non chega a esta localidade. Desvíase antes, nun cruzamento á esquerda que guía aos camiñantes por un tramo de terra compacta ata a intersección coa pista de acceso a Padornelo (13,9 quilómetros a Triacastela), de complicado tránsito debido ás pronunciadas pendentes.

Esta aldea de montaña, levantada sobre un pavimento no que abundan as laxas de pedra e lousa, conta tamén cunha forte tradición xacobea. Nela instalouse a Orde de San Juan de Jerusalén, cuxa misión era atender e defender aos peregrinos. No lugar é de interese a igrexa de San Xoán, construída no século XV en cachotaría e con tellado de laxas, na que destaca o seu campanario. Pasado este templo, os camiñantes deberán coller aire e beber da fonte alí situada porque, a continuación, chega o momento máis complicado da xornada. A pesar da súa escasa lonxitude, de menos de 300 metros, a rampla coa que se alcanza o alto do Poio (13 quilómetros ata Triacastela), de importante pendente, é de suma dureza. Curta pero intensa.

Xa superada esta nova dificultades, os camiñantes sitúanse no máximo cume do Camiño Francés en Galicia. Cos seus 1.337 metros de altitude, desde esta paraxe téñense unhas vistas inigualables da serra do Rañadoiro e do val situado aos seus pés, así como, cara atrás, do alto de San Roque, que os camiñantes xa salvaron. Neste punto localízanse ademais, e de forma estratéxica, dous establecementos hostaleiros, con comida e cuartos, nos que os peregrinos farán un alto para repor forzas. Un recomendado é o de Santa María, con albergue e comida caseira en racións abundantes e prezos alcanzables. Carente de luxos e cun trato familiar, repousar nel será unha nova experiencia no Camiño.

O pobo dos bidueiros

A continuación xa comeza o descenso, que será leve nestes primeiros tramos. O carreiro continúa durante máis de 3 quilómetros ao longo dun camiño paralelo á LU-633 no que non existen altibaixos. Accédese así a Fonfría (9,8 quilómetros a Triacastela), pobo coñecido por unha fonte que brota á beira do Camiño e por un hospital xa desaparecido. Preparado para recibir aos romeus, nel localízase o complexo A Reboleira, con albergue privado e restaurante no interior dunha palloza e cortellos para os peregrinos ecuestres, o establecemento con cuartos Casa Rural Galego e algún bar con menú caseiro, como Casa de Lucas. Este lugar, no que os camiñantes pasan por diante dun lavadoiro ao que aínda acoden algúns veciños, conta tamén cunha igrexa en honra a san Xoán. De nave rectangular, muros de pedra e cuberta de lousa, alberga no seu interior un retablo con tallas.

O Biduedo

O Biduedo

O descenso prosegue desde este punto por un camiño de terra para volver enlazar coa estrada no lugar no que o Camiño di adeus á montaña e ao concello de Pedrafita do Cebreiro e dá a benvida a Triacastela, que xa se comeza a adiviñar alá lonxe. Pasado este intervalo, o carreiro continúa de novo por unha pista que atravesa a estrada. Aos poucos comeza a acentuarse o desnivel. Tras deixar atrás diversos cruces e continuar de fronte sobre un terreo irregular e con bastantes pedras, accédese, sobre un pavimento de formigón, ao Biduedo (6,9 quilómetros a Triacastela), núcleo que recibe ese nome pola gran cantidade de bidueiros que saudaban aos peregrinos. Os romeus acharán aquí dúas casas de turismo rural (Casa Xalo e Casa Quiroga, co seu mesón-parrillada Betularia) e un merendeiro con seis mesas nas que comer ao aire libre. Na pequena e contigua capela de San Pedro poderán, ademais, selar a credencial.

A argamasa da catedral

Á saída do enclave arrinca unha nova rampla sobre terra. Os peregrinos métense no monte Caldeirón, desde onde apreciar unhas belas vistas a montaña circundante. A aparición dunha canteira afastada permite evocar unha das pasaxes xacobeas máis recordadas destas terras. En Triacastela localizábase un dos poucos xacementos de cal de Galicia e era nel onde os peregrinos medievais recollían as pedras que axudaron a levantar a catedral de Santiago e outros monumentos xacobeos.

Hai séculos, e como unha penitencia final, os camiñantes trasladaban estes materiais ata Castañeda, localidade situada entre Arzúa e Melide, que acollía os fornos onde se cocían as pedras de cal coa que se realizaba a argamasa destinada ao templo compostelán. O tramo que se inicia a continuación, unha especie de balconada sobre Triacastela co monte Oribio á fronte, é de gran beleza. A partir dun carreiro pedregoso, no que algunhas rocas e sucos dificultan o tránsito, chégase a Fillobal (3,9 quilómetros a Triacastela), onde o pavimento cambia a formigón. Neste pequeno enclave os romeus poderán repor forzas no albergue e no bar-restaurante Aira do Camiño, situado ao pé do camiño e que conta con acceso a Internet. Os romeus ecuestres tamén terán opción de descansar neste establecemento xunto aos seus cabalos. A senda cruza neste punto a estrada e continúa en descenso para volver atravesar o asfalto un quilómetro despois, xunto a un pequeno merendeiro. Haberá que ter coidado neste cruzamento coa LU-634, que está en curva e non ten paso de peóns. Tras admirar en Pasantes (2,4 quilómetros a Triacastela) unha capela, a senda continúa por Ramil, un enclave de blasonadas edificacións xa próximo á meta e onde haberá que pararse diante dun castiñeiro centenario. O itinerario continúa nun rápido avance cara a Triacastela, en cuxa mesma entrada se localiza o albergue público e, xusto enfronte, varios bares onde os peregrinos poderán almorzar. Pero iso xa terá lugar na xornada seguinte...

En bici

Do mesmo xeito que os camiñantes, os ciclistas necesitan unha etapa de transición tras a dureza do día anterior. Nesta xornada tan só a durísima costa do alto do Poio póralles de novo a proba. En caso de mal tempo ou nevada recoméndase facer a partida desde O Cebreiro pola eestrada LU-633, asfalto que se cruzará coa vía milenaria en varias ocasións. Os bicigrinos deberán aumentar as precaucións no permanente descenso, nalgúns tramos moi pedregoso, que se inicia tras o alto e que atravesa de forma veloz pequenos e sucesivos núcleos. A senda convértese, de todos os xeitos, nun magnífico miradoiro, para gozar desde o propio guiador.

Ruta relacionada
Localización
Mapa de la etapa
Localidades relacionadas
Perfil etapa
La Voz de Galicia La Voz de Asturias

Puntos de interese

Localidades | Albergues | Aloxamentos | Restaurantes | Guarnicionerías | Médicos | Puntos de interese | Talleres de bicicletas

Contactar | Politica de privacidade | Política de Cookies | | Aviso Legal | Autoría | Mapa Web | Consentimiento

© Copyright LA VOZ DE GALICIA S.A. Polígono de Sabón, Arteixo, A Coruña (ESPAÑA) Inscrita no Rexistro Mercantil da Coruña no Tomo 2438 do Arquivo, Sección Xeral, aos folios 91 e seguintes, folla C-2141. CIF: A-15000649

Desenvolto e administrado por Hyliacom