Zubiri-Pamplona

3 valoracións
27
53
25
Información

Imagen 679

Nesta etapa o percorrido transcorre da man do río Arga, abrazado desde a saída de Zubiri ata as portas de Pamplona. Tras os dous itinerarios anteriores, cargados de esixencias, esta xornada é propicia para gozar dun pequeno respiro sen deixar de avanzar en dirección a Santiago de Compostela. Por primeira vez o Camiño recala nunha gran cidade: Pamplona. Entre outras moitas cousas, a capital mundial da festa.

A etapa (20 quilómetros)

Tras cruzar a ponte da Rabia ata a marxe esquerda do río Arga, o peregrino afronta unha pequena peendente por zona urbana. Nunha especie de praciña periférica unha fonte ofrece auga fresca aos romeus. O Camiño volve descender, nesta ocasión a través dun estreito carreiro de firme moi irregular, aínda que con pendentes non tan pronunciadas como na xornada anterior. Tras un tramo sobre estrada (apenas circulan coches, aínda que convén aumentar a precaución), obsérvase, e óese, o gran monstro. A empresa Magna leva máis de medio século explotando o rico xacemento de magnesita da zona. Algúns veciños quéixanse da contaminación, mentres que para outras familias supón a principal fonte de ingresos. Polémicas á marxe, a agresión ao Camiño de Santiago é incuestionable. Ademais dos ruídos, os cheiros e o feísmo, nun punto chégase a esixir aos viandantes ata un casco de obra.

Tras o caos regresa a paz. Un estreito carreiro de pedra castigado polo paso dos anos, á beira do Arga, e a acubillo dun pelotón de faias conduce ata as minúsculas localidades de Illaratz (fonte) e Eskirotz.

Larrasoaña e Irotz

Pequenos tramos de asfalto, de terra, empedrados, incluso de grava, pero todos a beiras do Arga, levan ata as portas de Larrasoaña. O Camiño de Santiago non penetra en Larrasoaña, alén do río. Con todo, merece a pena cruzar a ponte dos Bandidos (segundo crónicas da época, un foco de todo tipo de malfeitores durante o século XIV) e dar un paseo por esta tranquila, e segura, localidade de tradición xacobea.

Larrasoaña

Larrasoaña

Á saída de Larrasoaña hai que realizar unha pequena ascensión por unha pista de grava miúda ata o caserío de Akerreta, que conta cun encantador hotel. A saída deste pequeno núcleo pode resultar propicia para os esvaróns en época de choivas. Desde aquí, o Camiño ata Zuriain complétase por un bosque de ribeira dominado por carballos e no que se chega a bicar o río. Fóra do abrigo da vexetación, incómodo tramo por estrada (N-135) e volta á outra marxe do río antes da chegada a Irotz, pequena localidade na que se atopa O Forno de Irotz, coa súa sensacional terraza. No seu día, Irotz contou cun hospital de peregrinos. Resiste en pé a pequena igrexa de San Pedro.

Pola ponte de Iturgaiz

En Irotz vólvese cruzar ata a outra beira do Arga pola ponte de Iturgaiz, de orixe románica. O seguinte núcleo na ruta xacobea é Zabaldika, que conta cun sensacional merendeiro, aínda que co inconveniente de estar totalmente pegado á estrada nacional. Neste punto o peregrino enfróntase a dúas variantes. A través do cómodo paseo fluvial, que conduce ata Huarte, localidade que xa forma parte do arrabalde de Pamplona, ou seguindo o Camiño de Santiago orixinal, que prosegue por un carreiro que nace desde a mesma zona de recreo. As dúas rutas volveranse fundir un par de quilómetros máis adiante. Polo Camiño de Santiago tradicional éntrase en Arleta e, tras coroar unha pequena chatola, descenso ata a Trindade do Arre, sen dúbida, un dos puntos máis espectaculares da etapa. Desde a Trindade de Arre ata Pamplona pásase polas localidades de Villava, famosa no mundo enteiro por ser o lugar de orixe do ciclista Miguel Induráin. Villava, absorbida fisicamente por Pamplona, ten todos os servizos. Ademais, conta con albergue para peregrinos.

Ao concello veciño de Burlada, seguinte localidade na ruta, tampouco lle falta de nada. Desde aquí accédese á capital navarra pola ponte da Magdalena, de orixe románica.

En bici

Villava

Villava

Perfil cómodo para os ciclistas, pero no primeiro tramo o firme non acompaña. É posible que se atope o tronco dalgún arbusto a modo de obstáculo. Ao chegar a Zabaldika hai que elixir entre as dúas variantes. Para os ciclistas é máis cómoda a que vai por Huarte. Con todo, calquera afeccionado ás dúas rodas non debería deixar escapar a oportunidade de entrar pedaleando en Villava.

Ruta relacionada
Localización
Mapa de la etapa
Localidades relacionadas
Perfil etapa
La Voz de Galicia La Voz de Asturias

Puntos de interese

Localidades | Albergues | Aloxamentos | Restaurantes | Guarnicionerías | Médicos | Puntos de interese | Talleres de bicicletas

Contactar | Politica de privacidade | Política de Cookies | | Aviso Legal | Autoría | Mapa Web | Consentimiento

© Copyright LA VOZ DE GALICIA S.A. Polígono de Sabón, Arteixo, A Coruña (ESPAÑA) Inscrita no Rexistro Mercantil da Coruña no Tomo 2438 do Arquivo, Sección Xeral, aos folios 91 e seguintes, folla C-2141. CIF: A-15000649

Desenvolto e administrado por Hyliacom