San Román da Retorta-Melide

1 valoracións
13
15
10
Información
Fotografía de Óscar Cela.

Fotografía de Óscar Cela.

Se quere seguir o trazado oficial do Camiño, o peregrino non debe facer caso á sinalización oficial no arranque dunha etapa que o deixará en Melide, onde dirá adeus ao Primitivo, que entronca alí co populoso Camiño Francés. Antes o camiñante percorrerá polo menos quince minúsculos núcleos de poboación -a maioría sen servizos- polos concellos de Guntín, Friol, Palas de Rei, Toques e Melide.

Tamén terá que emprender unha suave ascensión á Serra do Careón, que separa Lugo e A Coruña. E se quere repoñer forzas ou avituallarse ao longo da etapa, as súas opcións son limitadas: Ponte Ferreira (un albergue privado con cafetaría e unha casa de turismo rural que dan almorzos completos) e As Seixas (albergue público con máquinas de vending, tamén parada de vendedores ambulantes; e casa de turismo rural con albergue privado) e Vilamaior de Abaixo (en Vilamor, Toques, xa bastante preto de Melide, está o Bar Carburo).

A etapa (26 quilómetros)

O peregrino debe abandonar San Román da Retorta pola chamada vía romana, por onde están os albergues. Antes era unha variante non oficial, pero dende a delimitación oficial por aí vai o Camiño, aínda non sinalizado cos correspondentes marcos, pero si con frechas amarelas. A ruta non ten perda e alterna asfalto con terra neste tramo, que conflúe co que ten os marcos en Ponte Ferreira, sete quilómetros máis adiante. O percorrido está ben sinalizado e non ten grandes puntos de interese. O peregrino sofre os característicos falsos chairos da orografía galega e transita por paraxes solitarias. Non verá moita xente nesta xornada.

O primeiro núcleo que visita, tras un suave escenso, é Burgo de Negral, asentado no centro dun val. Alí abandónase a terra e vólvese ao asfalto. A alternancia será unha constante nesta xornada. O Primitivo continúa o seu percorrido polo minúsculo núcleo de Vilacarpide cara a Pacio. O peregrino camiña por estrada, rodeado dunha boa paisaxe dominada por bosques de carballos e bidueiros.

En Pacio hai unha igrexa dedicada a Santa María e bos exemplos de construcións tradicionais, pero o conxunto padece o mal que afecta a boa parte de Galicia: o feísmo. Casas sen rematar restan valor a numerosos lugares desta comunidade. Pacio é un exemplo.

Burgo de Negral

Burgo de Negral

Pouco despois remata o territorio do concello de Friol. O peregrino chega ao municipio de Palas de Rei. Pero non debe dirixirse cara a súa capital. Por alí non pasa o Primitivo. O seu Camiño lévao por unha pista asfaltada a cruzar a estrada LU-231, ao núcleo de Covela e, por un sendeiro, a Ponte Ferreira. Alí están a Casa da ponte e o albergue privado Ponte Ferreira (no veciño núcleo de Carballal). Alí reunifícanse os dous tramos «oficiais». Tamén a pequena ponte medieval, talvez de orixe romana, que debe cruzar o peregrino. É un dos lugares con máis encanto da etapa. E tamén ten unhas mesas e uns bancos de pedra, por se fai falta un respiro.

Despois de Ponte Ferreira -onde o marco indica que quedan algo menos de 75 quilómetros para Santiago, o peregrino debe atravesar Carballal. Tócalle camiñar un par de quilómetros pola LU-231. Ata chegar a Leboreira. Antes tomará un sendeiro que lle devolverá pouco despois á estrada tras atravesar este núcleo. Pasados Bouzachán e O Regulán, o peregino topa coa igrexa de San Xurxo de Augas Santas, cuxo cemiterio anexo sorprende os camiñantes por ter algunhas tumbas orientadas cara ao Primitivo.

Hospital das Seixas

A uns 70 quilómetros de Santiago, con pintura amarela sobre a estrada, o peregrino atopa dúas opcións, ir a Palas de Rei ou a Melide. O Primitivo vai cara a Melide. É a ruta que debe seguir, á dereita da calzada, por un pequeno tramo boscoso, baixo a sombra de carballos. Non durará moito, apenas 300 metros.

Volve desembocar na estrada ao chegar a Merlán. Neste núcleo o Camiño pasa xunto unha igrexa de orixe románica, dedicada a San Salvador, e aproxímase ao núcleo das seixas, hai uns anos un punto máis a sinalar na ruta, hoxe sede dun estupendo albergue público da Xunta de Galicia. E dun establecemento de turismo rural, Casa Goriños. Ambos os dous locais, e os creados en ponte Ferreira e A Retorta, son claros indicadores de que algo se move no Primitivo, unha ruta cada vez máis accesible. Outro símbolo da normalización das peregrinacións son os cans, cada vez máis afeitos ao paso dos peregrinos. O albergue da Xunta, situado a cen metros do Camiño, ten 35 prazas en liteira, máquinas de vending (para ben e para mal, proliferan na ruta) e moi bo equipamento. Tamén recibe a visita diaria de provedores de produtos de alimentación que venden aos peregrinos.

O Primitivo parte das seixas por unha senda que descende ata o fondo do val do río Merlán. O descenso non remata en chairo, senón nunha nova suba ata un lugar de inequívoco nome xacobeo, Casacamiño. O peregrino pisa terra e camiña entre muros baixos de pedra. Prados, piñeirais e carballeiras marcan o seu paso, que lle leva entre espectaculares vistas cara á Serra do Careón, a última montaña do Primitivo, en cuxas estribacións se atopa Hospital das Seixas. Alí hai unha área recreativa e unha fonte (non abundan nesta etapa). 150 metros antes deste núcleo, situado a 65 quilómetros de Santiago, o Camiño desemboca na estrada que vén de Merlán e que leva ata Melide. Debe percorrela para cruzar o límite entre as provincias de Lugo e A Coruña.

A Serra do Careón

Este conxunto montañoso abarca 6.568 hectáreas. O seu punto máis alto, chamado pico O Careón, alcanza os 798 metros sobre o nivel do mar. Esta serra ten un gran valor ecolóxico pola súa flora -hai plantas endémicas- e pola súa fauna -conserva fauna case descoñecida en Galicia-. Pero non é un tapón para o peregrino. As súas ramplas son suaves. E con bo tempo o aire fresco que sopra resulta un alivio. Con mal tempo a cousa complícase. Unha vez cruzada a «fronteira» provincial, o peregrino entra no territorio municipal de Toques. Non verá o seu capital. Como non viu as de Guntín, Friol e Pas. Tampouco atravesará ningún núcleo con abundancia de servizos.

Tócalle descender a Serra do Careón pola súa vertente occidental. O seu primeiro destino é Vilouriz. Vai pola pista asfaltada xa mencionada, primeiro entre piñeirais, despois rodeado por prados. Xa pode verse Melide na distancia (onde hai un marco co punto quilométrico 64.802), pero aínda queda moito que andar. Pouco despois de pasar o núcleo de Arnade abandónase o asfalto por unha senda que se abre a man esquerda. Baixo carballos e bidueiros o Camiño convértese nunha congostra a medida que se achega a Vilouriz de Abaixo. Neste pobo que ten fonte e numerosos hórreos pouco máis pode interesar ao peregrino, que xa leva moitos quilómetros nas pernas.

O Primitivo segue o seu curso cara a Vilamor. Vai por un trazado algo diferente ao orixinal, cortado por un enreixado e cheo de toxos. Toca subir e baixar un monte para cruzar despois unha ponte sobre un regueiro, o Rego dos Lagares. Ao outro lado da canle toca un ascenso. Hai que subir para chegar a Vilamor de Arriba, onde hai unha fonte, un cruceiro e bancos para sentarse. E tras atravesar este núcleo hai que pisar asfalto par dirixirse a Vilamor de Abaixo. Non é un pobo calquera. Ten un bar, o Carburo (981504907), onde se pode tomar algo e tamén comer. A estrada leva ao peregrino de Vilamor e Irago de Arriba (o seguinte núcleo) a cruzar o río Furelos pola ponte da Pedra. Unha vez cruzado este paso, que conserva restos medievais e atravesa unha paraxe de gran beleza, xa está en Melide.

O Camiño segue por asfalto (CP-4604) cara á capital deste concello. Son tres quilómetros os que separan o peregrino da súa meta. Neste percorrido sen moito atractivo pasa preto da igrexa de San Salvador de Abeancos e chega a Compostela. Trátase dun núcleo que comparte nome coa cidade do apóstolo. Non é demasiado frecuente en Galicia. Non se repetirá na ruta.

E chegamos ao Camiño Francés

O Primitivo accede á zona urbana de Melide pola Avenida de Toques e Friol. O peregrino encóntrase nunha vila de forte tradición xacobea, na que boa parte da súa economía depende do Camiño. Nótase. Ten á súa disposición todos os servizos que non existiron na ruta dende Lugo, dúas etapas atrás, como farmacias e médicos.

Melide

Melide

Xa no centro histórico, no cruzamento coa rolda da Coruña, a Rúa Rambla de San Pablo e a Rúa Mateo Segade Bugueiro hai unha fonte. E un marco con cuncha que indica que hai que seguir por esta última e cruzar a Praza do Convento. A seguinte rúa que transita o peregrino disipa calquera posible dúbida: chámase Rúa Camiño de Ovedo (o nome tradicional do Primitivo). E transpórtao ata o cruzamento coa Rúa de San Pedro. Só quedan 50 quilómetros para Santiago. É o fin do Primitivo, que entronca aquí co Camiño Francés. O resto da súa peregrinación será moi distinto. E é que o camiñante entra agora nunha especie de autoestrada. Non pode perderse. Non lle faltarán servizos. Haberá moita xente. E talvez bote de menos a paz e a tranquilidade da máis antiga das rutas xacobeas.

Ruta relacionada
Localización
Mapa de la etapa
Localidades relacionadas
Perfil etapa
La Voz de Galicia La Voz de Asturias

Puntos de interese

Localidades | Albergues | Aloxamentos | Restaurantes | Guarnicionerías | Médicos | Puntos de interese | Talleres de bicicletas

Contactar | Politica de privacidade | Política de Cookies | | Aviso Legal | Autoría | Mapa Web | Consentimiento

© Copyright LA VOZ DE GALICIA S.A. Polígono de Sabón, Arteixo, A Coruña (ESPAÑA) Inscrita no Rexistro Mercantil da Coruña no Tomo 2438 do Arquivo, Sección Xeral, aos folios 91 e seguintes, folla C-2141. CIF: A-15000649

Desenvolto e administrado por Hyliacom