
Porta de Galicia, na fronteira natural con Asturias que conforma a ría á que dá nome, Ribadeo (uns 10.000 habitantes) é un dos referentes turísticos da bisbarra da Mariña Oriental e enclave de gran peso histórico.
Dominante, sobre unha atalaia natural, foi tradicionalmente un dos lugares estratéxicos para o desembarco de peregrinos e tráfico de mercadorías. A súa historia como núcleo urbano comezou a escribirse a finais do século XII, cando o rei Fernando II asinou unha carta foral na que se concedía ao burgo ribadense certos privilexios, entre eles a celebración dun mercado cada mércores.
O auxe do porto local, Porcillán, ata ben entrado o XVIII, fixo florecer o tráfico marítimo e por ende a economía do entón principal destino do noroeste galego, centrando a súa actividade no comercio de madeira con Lisboa e Sevilla. Do seu atesourado pasado quedan pegadas arquitectónicas, como a emblemática Torre dos Moreno, e a creación de varias sociedades culturais e editoriais que viron a súa época de esplendor a finais do XIX e principios do XX.
Composto por dez parroquias, o municipio ofrece ao visitante unha terra de contrastes resultantes do choque do Cantábrico con terra firme na súa costa e os seus vales e montañas cara ao interior. Presume tamén Ribadeo dun ecosistema único na desembocadura do Eo; un espazo ribeirán declarado reserva da biosfera pola Unesco.
A instancias do rei Fernando II de León, Ribadeo converteuse en sede episcopal apenas durante unhas décadas, entre finais do século XII e o primeiro terzo do XIII. Pero tras o falecemento do monarca, trasladouse a sede definitivamente a Mondoñedo, iniciándose a construción da catedral.
Se estás a percorrer o Camiño de Santiago ou estás a planificar facelo proximamente, debes saber que a distancia que separa Ribadeo de Santiago de Compostela é de 195 quilómetros.
Para vivir o camiño debes estar rexistrado e/ou logueado. Dá o primeiro paso e empeza a túa historia!
15°
30/03/2023
scattered clouds
Localidades | Albergues | Aloxamentos | Restaurantes | Guarnicionerías | Médicos | Puntos de interese | Talleres de bicicletas
Contactar | Politica de privacidade | Política de Cookies | | Aviso Legal | Autoría | Mapa Web
© Copyright LA VOZ DE GALICIA S.A. Polígono de Sabón, Arteixo, A Coruña (ESPAÑA) Inscrita no Rexistro Mercantil da Coruña no Tomo 2438 do Arquivo, Sección Xeral, aos folios 91 e seguintes, folla C-2141. CIF: A-15000649