Recuperación no século XX

A Peregrinación

O auxe do Camiño de Santiago ao que asistimos estes últimos anos é algo relativamente recente na milenaria historia da Ruta Xacobea.

8
Recuperación no século XX
O Cebreiro

O Cebreiro

Unha das figuras máis importantes no rexurdir das peregrinacións modernas a Santiago foi o párroco do Cebreiro Elías Valiña, quen tamén puxo de novo no mapa este enclave de montaña, un dos grandes fitos da ruta francesa. Orixinario de Sarria, aínda que fincado como cura no Cebreiro, estudou ao longo da súa vida a historia do Camiño de Santiago -dedicoulle a súa tese doutoral, lida en 1965 en Salamanca- e foi un dos grandes artífices da súa reactivación. Cando Valiña comezou a promover a vía milenaria, esta achábase nalgúns puntos intransitable. Por iso, decidiuse a delimitar os tramos orixinais da ruta xacobea e, tras convencer a alcaldes e a outros párrocos e atraer á causa ás distintas asociacións de amigos do Camiño, implicounos na tarefa de marcar o itinerario.

Entre finais dos 70 e dos 80 do século XX emprende a sinalización do Camiño Francés confrechas amarelas. O porqué desta cor, símbolo actual do percorrido xacobeo, habería que buscalo en tres razóns. A primeira, porque ten boa visibilidade. A segunda, porque no país galo, de onde proceden un gran número de romeus, non había entre as cores coas que se sinalizaban as rutas de sendeirismo o amarelo. E a terceira, porque para a primeira partida Valiña utilizou botes de pintura que se empregaban para marcar as estradas e que eran desta cor. Para a historia queda unha famosa anécdota protagonizada polo párroco nos Pireneos. Tras paralo a Garda Civil mentres se achaba cun bote de pintura amarela na man debuxando rechamantes frechas, preguntáronlle que que estaba a facer nese paso fronteirizo. «Preparando unha gran invasión desde Francia», foi a resposta. Tras levalo ao cuartel, aclarouse todo.

A convicción persoal do visionario párroco e o investimento realizado por el a base de quilos de pintura guiaron ata Santiago a miles de peregrinos, nunha nova e redescuberta peregrinación.

O seu sobriño José Valiña, quen rexenta na actualidade unha tenda situada fronte ao templo de Santa María a Real do Cebreiro, recorda con emoción outra desas casualidades vinculadas ao Camiño. No momento da súa morte, Valiña atopábase realizando unha completa cartografía da ruta xacobea. Tras falecer, retomaron o proxecto o seu sobriño e a escritora e historiadora londiniense Laurie Dennett, namorada do Cebreiro e fincada no lugar. Tras chegar a Navarra por este proxecto, picaron unha roda nun lugar onde hai tempo tivera outro contratempo automobilístico o seu tío Elías. «Un home achegóusenos e díxonos que a última persoa que tivera un incidente no lugar era un cura tolo», aclara con ollos conmovidos.

Elías Valiña faleceu en 1989 de forma prematura, aos 60 anos de idade. A súa sepultura pódese visitar na basílica de Santa María a Real do Cebreiro. Fóra do templo unha estatua tamén rende homenaxe a este home que deixou sinal entre os diversos promotores do Camiño de Santiago e que aínda serve de modelo para moitos deles. Seguindo os seus pasos, diversos hospitaleiros continúan marcando frechas e guiando novos camiños.

La Voz de Galicia La Voz de Asturias

Puntos de interese

Localidades | Albergues | Aloxamentos | Restaurantes | Guarnicionerías | Médicos | Puntos de interese | Talleres de bicicletas

Contactar | Politica de privacidade | Política de Cookies | | Aviso Legal | Autoría | Mapa Web | Consentimiento

© Copyright LA VOZ DE GALICIA S.A. Polígono de Sabón, Arteixo, A Coruña (ESPAÑA) Inscrita no Rexistro Mercantil da Coruña no Tomo 2438 do Arquivo, Sección Xeral, aos folios 91 e seguintes, folla C-2141. CIF: A-15000649

Desenvolto e administrado por Hyliacom