Lugo-San Román da Retorta

3 valoracións
10
13
10
Información
El Primitivo entre Lugo y A Retorta / César Rodríguez

El Primitivo entre Lugo y A Retorta / César Rodríguez

Talvez a etapa máis aburrida do Primitivo sexa esta na que se abandona Lugo para aproximarse á conexión co Camiño Francés. O peregrino pisa moito asfalto sobre unha estrada secundaria, moitas veces sen protección. E ten varias posibilidades para elixir como punto final da jornada. Debe planificar ben a ruta, non sobran os establecementos hostaleiros e as opcións de aloxamento ata Melide. E non hai outro tipo de servizos.

O primeiro é San Román da Retorta, no concello de Guntín, a pouco máis de 20 quilómetros. É un lugar con moita tradición xacobea, un bar-tenda, dous albergues -un público da Xunta con doce prazas e outro privado- e un restaurante nas proximidades. Se se escolle este final faríase unha etapa bastante curta para o habitual no Primitivo.

Moitos seguen Camiño durante 7 quilómetros ata Ponte Ferreira, xa no concello de Palas de Rei. Alí hai un albergue privado e unha casa de turismo rural que durante bastantes anos foi o único refuxio dos peregrinos ata chegar a Melide. Por sorte a situación cambiou. Mesmo hai unha terceira opción: As Seixas (en Merlán), cinco quilómetros máis adiante, onde hai un albergue da Xunta e unha casa rural / albergue privado onde durmir. Para os que teñen présa ou prefiren evitar a masificación, as dúas últimas opcións permiten abreviar o número de etapas no Francés.

A etapa (20 quilómetros)

O Camiño segue por esta vía -a Rúa de San Pedro- que tomou o peregrino cando pasou baixo a porta da muralla de Lugo o día anterior. Un pouco máis adiante hai unha farmacia. Abre de luns sábado dende as nove da mañá ata as dez da noite (hora de peche do albergue). E ofrece no seu escaparate información sobre as que están de garda diúrna.

Na cidade peregrino transita por chan empedrado dentro do coidado e peonalizado (ou semipeonalizado) casco histórico lugués. Como en Oviedo -onde comeza o Primitivo- cunchas de bronce indican a ruta aos pés do camiñante, que se topa un pouco máis adiante coa oficina principal de Correos en Lugo. Un pouco máis adiante, na intersección coa Rúa da Raiña, está a igrexa de Santiago, a Nova.

O Camiño segue recto. E desemboca na monumental Praza Maior, sede do Concello de Lugo (un edificio referencia do barroco civil galego), lugar onde se concentran varias sucursais bancarias, algunha libraría, un puñado de cafetarías con extensas terrazas e comidas a todas as horas (se o bo tempo acompaña) e un coidado xardín con bancos de madeira e algunha boa sombra proporcionada pola vintena de árbores frondosas plantadas ao longo da rectangular praza, que tamén conta con algunhas fontes para que os peregrinos sacien a súa sede.

Tamén poden perderse. E non só pola escasa visibilidade das cunchas encastradas no chan, sobre todo cando chove ou neva, tamén porque faltan indicacións. E os sinais da vía romana XIX (a que unía Lugo e Astorga) poden confundir o camiñante, que debe buscar ao fondo da praza a cuncha que indica a ruta. Toca baixar unhas escaleiras pola Escalinata do poeta Luis Pimentel ata a Praza de Santa María. O peregrino contempla a catedral de Lugo, consagrada a Santa María e de orixe románica. Paga a pena visitala.

Antes do templo unha cuncha revela ao peregrino que o seu Camiño pasa, tras unha pequena rampla, pola Rúa do Bispo Basulto. Móvese por unha zona que fai boa aquela lenda urbana de que hai sitios de Galicia onde en cada edificio hai un bar. Aquí é verdade. Sobran sitios onde tomar algo ou comer, nesta rúa e nas súas inmediacións. Outra cuncha dirixe ao peregrino cara á medieval (séculos XII ou XIII) e recoleta Praza do Campo. Alí hai unha fonte barroca dedicada a San Vicente Ferrer e a oficina de turismo de Lugo (abre de 10.30 a 14 horas e de 16.30 a 19 horas).

Á esquerda da fonte unha cuncha no chan confirma a ruta. Hai que seguir baixando. A rúa pola que discorren os pasos do peregrino chámase Rúa do Miño. Antes, só uns metros máis abaixo, está a oficina de turismo da Xunta de Galicia (abren de luns a venres de 9.30 a 14.00 e de 16.30 a 19.00; os sábados, só de 11.00 a 13.30; domingos e festivos non abre).

O peregrino vai pola boa dirección, a que lle leva ata o cruzamento coa rúa Travesía do Miño. Hai que tirar por esta vía e seguir baixando. No seu camiñar o peregrino pode admirar o pazo de Orbán e Sangro, un edificio barroco do século XVIII que tamén é hotel de catro estrelas. E ten cafetaría.

Cara ao río Miño

Nos baixos do pazo hai unha fonte. Dende ela o peregrino pasa por debaixo dos arcos da Porta Miñá (tamén coñecida como Porta do Carme) e abandona o recinto amurallado.

Porta Miñá

Porta Miñá

A súa ruta continúa pola rúa do Carme. Tras cruzar a rolda da muralla un marco oficial confirma que hai que seguir baixando. A cuncha non está colocada nun sitio calquera, está na Praza do Carme. Un monolito recorda que este é o lugar de nacemento do patrón de Lugo, San Froilán.

O peregrino volveu ao Lugo rural. Chans empedrados, vivendas unifamiliares... Unha cuncha azul e amarela na parede dunha casa confirma que segue o descenso, agora por unha pista sen asfaltar, de pedra e terra, das que en inverno son unha lameira.

É o punto quilométrico 102,70. Entre campos e casas abandonadas, o peregrino segue o seu Camiño, un descenso suave e sen excesivas complicacións. No primeiro cruzamento que se encontra neste tramo, unha cuncha na parede indica que hai que coller a senda da dereita. Está mal coidada. E repleta de maleza. Pero non é posible perderse. Desemboca nunhas escaleiras. Nunha zona urbanizada. E xorden dúbidas para o peregrino. Que debe facer? Ir á esquerda? Á dereita? Uns metros á esquerda, no medio da estrada, un marco (km 102.90) disípaas. Á esquerda. Nese punto debe poñer atención. E fixarse nunha cuncha colocada na parede dunha casa. Está orientada cara a abaixo. E indica que hai que descender polas escaleiras situadas ao lado. E pasar por debaixo da estrada.

Transitará pola Calzada da ponte, en continuo descenso, fixándose na variada sinalización -cunchas, frechas amarilllas- ata alcanzar as inmediacións do río esencial de Galicia. Toca cruzalo pola ponte Vella, unha ponte de orixe romana rehabilitada para excluír o paso da estrada N-525 (une Lugo con Ourense e Santiago de Compostela) por el. Xusto antes de cruzar, onde remata a Calzada da ponte, hai un bar con terraza.

Atravesada a ponte e admiradas as vistas sobre o Miño, o peregrino debe xirar á dereita. Antes de seguir Camiño, á esquerda vese unha farmacia. É a última que verá en 40 quilómetros. Tamén hai un par de bares preto.

O camiñante transita pola Rúa Vella da ponte, por asfalto. A beirarrúa é ridícula, menos de 50 centímetros de ancho. O Miño acompáñao á súa dereita. Ao seu lado, as instalacións do club fluvial de Lugo. Serán testemuñas da súa peregrinación ata chegar ao núcleo histórico de San Lázaro. Neste lugar, unha aldea con casas de pedra, igrexa do século XVIII e cemiterio, hai un mapa do Primitivo.

Pouco despois o peregrino di adeus ao río. Faino xunto ao marco que marca o punto quilométrico 100, 906, unha distancia suficiente para conseguir -se camiña a pé- a Compostela.

Estrada, estrada e estrada

De San Lázaro o Camño ascende por unha estrada. Toca subir. O Primitivo nesta zona está ben sinalizado. Hai as cunchas precisas nunha etapa na que toca moito asfalto, máis que en ningunha outra en Galicia. Un túnel permite ao peregrino salvar o cruzamento coa N-540. É o pk 99.552. Toca subir. E transitar por unha estrada sen beiravía. É unha zona de vivendas unifamiliares de recente construción. Non abundan as sombras. E non hai fontes. O peregrino chega a unha rotonda. Un cartel indícalle que dirección tomar. Cara a Burgo, San Román e Palas de Rei.

Ferreira (outro posible final de etapa) queda a 23 quilómetros, di. Seguen a estrada e a paisaxe. Sen variacións. Pero habilitouse un sendeiro en paralelo a dereita para protexer o peregrino do tráfico e evitar tanto asfalto. A estrada estreita e a beiravía desaparece antes de que o camiñante chegue a San Vicente do Burgo. Antes do núcleo hai unha fonte a man esquerda. Ademais do manancial, hai un par de bancos e unha mesa. Pódese facer aí unha parada. Ou pódese facer no mesón As Searas. Situado ao lado da igrexa de San Vicente, é un bo sitio onde tomar un refresco, un bocadillo quente ou un bo prato. Son xenerosos. E abren dende as 8. Está a 50 metros.

O Camiño segue pola estrada. Entre prados e árbores autóctonas, sen beiravía, o peregrino, entra no territorio da parroquia de Poutomillos, pero nada cambia: paisaxe agradable e estrada.

O peregrino chega a un cruce. A súa segue en liña recta. Pero un cartel invítao a desviarse para visitar Santa Eulalia de Bóveda, unha fascinante igrexa do século VIII. Queda a tres quilómetros. O Primitivo segue o seu trazado por estrada cara á parroquia de Bacurín, que tampouco ofrece servizos ao peregrino, pero que ten unha igrexa bastante particular. De estilo románico e dedicada a San Miguel, o templo ten unha soa nave.

Un tramo para recordar

Ao pasar por este lugar, por fin chega unha oportunidade para pisar terra. Por un sendeiro que se abre a man dereita e leva o peregrino a cruzar un regato por unha pontiña. O tramo é precioso. Pero dura pouco.

Iglesia de San Pedro de Mera

Iglesia de San Pedro de Mera

Hai que volver á estrada. E chegar á parroquia de San Pedro de Mera. O primeiro núcleo ten un nome moi xacobeo. Chámase Hospital. Tivo un no pasado. Despois deste pequeno lugar sen servizos, o peregrino volve a pisar terra. Un marco no punto quilométrico 87.491 indica que hai que desviarse á dereita. Pronto se volve á estrada e atravésase o núcleo de San Pedro de Baixo. Tras unha forte suba, o peregrino chega a Taboeiro, aí está a Taberna Rodrigo. Pódese calmar a sede.

Un pouco máis adiante un cartel indica o desvío cara ao Mesón de Crecente, o mellor sitio para comer desta etapa. Dista 100 metros do Camiño, di. E cumpre. Está moi preto. Trátase dunha gran casa de pedra con bastante fama pola súa comida caseira.

Pouco despois do cruzamento que levaba ao mesón, tras unha baixada, remata o termo municipal de Lugo. O peregrino entra en Guntín. Tras unha suba, aparecen o cemiterio e a igrexa da Retorta. E varias indicacións. A tenda taberna San Román está moi preto. O albergue público e o albergue privado O Cándido distan 600 metros. Ambos os dous están situados na chamada «vía romana», alternativa xa oficial -pola delimitación do Primitivo efectuada en decembro do 2012- e non sinalizada ao antigo trazado oficial, que aínda conta con marcos e cunchas. O peregrino deberá decidir cal elixe ao día seguinte.

Ruta relacionada
Localización
Mapa de la etapa
Localidades relacionadas
Perfil etapa
La Voz de Galicia La Voz de Asturias

Puntos de interese

Localidades | Albergues | Aloxamentos | Restaurantes | Guarnicionerías | Médicos | Puntos de interese | Talleres de bicicletas

Contactar | Politica de privacidade | Política de Cookies | | Aviso Legal | Autoría | Mapa Web | Consentimiento

© Copyright LA VOZ DE GALICIA S.A. Polígono de Sabón, Arteixo, A Coruña (ESPAÑA) Inscrita no Rexistro Mercantil da Coruña no Tomo 2438 do Arquivo, Sección Xeral, aos folios 91 e seguintes, folla C-2141. CIF: A-15000649

Desenvolto e administrado por Hyliacom